Friday 19 de April de 2024

A Xunta inviste preto de 60.000 euros no acondicionamento e recuperación da área recreativa fluvial de Seira, en Rois


Os traballos incluíron a limpeza dun regacho, o amaño da zona de baño e lecer, a colocación de bancos e mesas de pedra, o aparcamento e a plantación de árbores

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de completar a recuperación da praia fluvial de Seira, no concello de Rois, cunha inversión que supera os 58.000 euros, e que incluíu a limpeza dun regacho lateral, no que se construíu un pequeno dique de pedra. A intervención tamén supuxo a rehabilitación da zona de baño e lecer, coa colocación de bancos e mesas de pedra, así como do aparcamento, ademais da plantación de árbores e da semente de céspede, entre outras melloras.
.
A Xunta conseguiu con estes traballos o acondicionamento dunha zona moi concorrida no verán e que estaba moi deteriorada, en parte polas crecidas no seu día da canle, pero tamén polo uso. Agora a zona de baño e lecer queda máis protexida, xa que quedou separada do aparcadoiro grazas á instalación de catro bancos rústicos de pedra e dous piares de pedra para restrinxir acceso á zona.

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá a zona acompañado polo alcalde de Rois, Ramón Tojo, e comprobou o resultado dos traballos. Rodeiro sinalou que a Xunta aposta “pola necesidade de equilibrar o uso público dos espazos naturais co respecto absoluto aos seus valores naturais”, porque iso garantirá o éxito da súa conservación.

A Xunta de Galicia está a desenvolver as medidas integradas na Estratexia da Paisaxe de Galicia, co fin de protexer e preservar os elementos mais significativos e característicos das diferentes paisaxes da nosa Comunidade Autónoma; ordenar a través de accións tendentes a mellorar, restaurar ou rexenerar as paisaxes; e xestionar dende unha perspectiva de uso sostible do territorio mediante iniciativas que guíen as transformacións inducidas polos procesos sociais, económicos e ambientais.